Francia. Decembro de 1994.

Os espeleólogos Jean-Marie Chauvet, Éliette Brunel e Christian Hillaire percorren un acantilado situado a carón do curso das augas do río Ardèche. Unha lixeira corrente de aire procedente dunha pequena cova chama a súa atención. Deciden retirar uns cachotes para abrir un oco polo que meterse, pero unha vez dentro, ao non ir equipados axeitadamente optaron por regresar ao coche para coller o material necesario e poder así explorar a cova na súa totalidade.

Percorren as diferentes galerías marabillados polas formacións xeolóxicas esculpidas pola auga ao longo do tempo. No chan atopan restos de animais que lle confiren ao lugar unha atmosfera especial, pero o mellor aínda estaba por chegar…

Cando xa regresaban, Éliette exclamou: “Ils sont venus!”

Acababa de descubrir unha figura dun mamut representada nunha parede. Sorprendidos pola descuberta, comezaron a observar máis de vagar as paredes daquela cova. O que alí atoparon son a día de hoxe as máis antigas pinturas rupestres coñecidas, datadas en máis de trinta mil anos.

Dende un primeiro momento as autoridades francesas recoñeceron a importancia do descubrimento e procederon a pechar a cova para garantir a súa conservación e poder estudiala con profundidade. Crearon un equipo de investigación multidisciplinar que accede ao interior en períodos de tempo moi breves para non crebar o fráxil equilibrio microclimático da cova e que convida nas súas campañas a diferentes artistas e científicos de todo o mundo para que compartan con eles as súas impresións.

Todos eles destacan a espectacularidade e a calidade dos debuxos e gravados alí presentes ou a destreza que amosaban á hora de representar o seu mundo, pero semella que existe un muro infranqueable que nos impide atopar unha resposta á inevitable pregunta.

Por que sentían (ou sentimos) a necesidade de representar o mundo circundante?

***

No ano 2002 publicouse no suplemento Babelia, do xornal El País, a tradución dun fermoso texto que escribiu John Berger logo de visitar a cova.

No ano 2010 Werner Herzog rodou o documental Cave of forgotten dreams, que foi presentado no Festival de Toronto dese mesmo ano.

Na web do Ministerio de Cultura francés hai un apartado referido aos grandes lugares arqueolóxicos no que podedes atopar máis información sobre a cova Chauvet-Pont-D’Arc.