A INMERSIÓN no silencio é o que distingue
ós que aman con espírito suicida
dos que somentes son
un soño breve.

Na viaxe nocturna que emprendemos
polo interior dun corpo diferente
un acto de amor é un fluído urxente
de suor bágoas e esperma
contra o medo

palabras desarmadas
desexos que se perden
na néboa de mil noites
entre as sabas revoltas
polo feroz presente
de dous corpos que esquecen.

Lois Pereiro

Manifesto Loisista

 

Loita, furia, humor… Amén!

Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio zombie de Microsoft mental.

¿E de que parte estaba eu? Da parte dos que intenten dalgún xeito non contribuír a que esa roda opresiva e maldita (unha historia da infamia que xa non nos permite ser inxenuos) continúe a xirar eternamente, perpetuando, cun cíclico cambio de papeis de amos ou escravos, a mesma situación ata que a terra estoupe de noxo e perversión, farta de nós.

Se alguén non o sabía xa é que estaba cego: non queremos ter amos.

Pode que xa nos atopemos a poucos metros da nosa extinción, pero o sentido do humor pervivirá sempre, e o sentido crítico deixa un rastro detrás, con mans, sen elas, cos miolos no cranio ou espallados polo chan. Volveremos á terra, e aos outros elementos primordiais. Como dicía Zeca Afonso: “Camaradas de armas dos catro elementos!…”

Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua, “porque me peta e quero e dáme a gaña…”. Moitas culturas crúzanse no meu espírito e no meu corazón non hai fronteiras. Ninguén me impediu nunca ser máis crítico e sarcástico co que eu sinto máis meu, propio e herdado.

Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo… e nada máis.

Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano, pero non transixamos cunha soia agresión máis.

Sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos, como a estratexia humilde e provocadora de Bartleby, o gris e lúcido escribente de Melville, que para non someterse sen máis ás ordes arbitrarias, dicía simplemente, sen ira, pero teimosamente: “Preferiría non facelo”.

A reflexión, as ideas, a creación ou as palabras. A arte e a cultura é sempre o que me salva da tentación da morte e me anima a reiniciar.

A verdadeira poesía nunca minte, por ferinte que sexa. Quen crea algo sen intencións perversas é inocente da súa posible perversión. Bernhard, Beckett, Cioran, Genet, Celan, Valente, Shopenhauer, Pound, Carver, Poe… tiñan razón, temos razón. E tiñan razón Yeats, Dylan Thomas, Eliot, Joyce, Homero, Dante… temos razón tamén a un tempo, como todos os atormentados ou felices pintores da Beleza e das tebras que cohabitan comigo o meu cerebro, discutindo sen pausa dentro da miña alma…

E a verdade é que “na miña vida nunca vin máis que tolos e enfermos” (Bernhard); que “Morrer é ben doado; vivir é o difícil” (Maiakowski) e tamén que “Vivir é fácil. Arduo sobrevivir ao vivido” (Valente).

O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande.

A dor, a escuridade, o mal tamén existen por nós e contra nós, pero axudan a que a beleza e o pracer sexan aínda máis brillantes. Por iso non debemos evitar, para aforrarnos sufrimento, a parte máis escura en cada cousa, porque produce a lucidez e o horror de seu coñecemento.

Aprender é unha vitoria. Dubidar é unha loita continua, e a Crítica nunca hai que desterrala.

Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco e ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa.

Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Amén.

(Escolma de Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, de Lois Pereiro)