Entre tanto, algún lugar


Viaxar implica un desprazamento dun lugar a outro. Cando a esto lle engadimos un movemento interior atoparémonos cunha experiencia da que xa non poderemos desprendernos. Pero para eso precisamos liberarnos de prexuízos cando partimos, porque é a única maneira de poder asimilar todo o acontecido para despois incorporalo á nosa experiencia vital.

Neste segundo número da colección dezxquince, o fotógrafo Luis Barreiro convídanos a emprender unha viaxe a través dun territorio descoñecido. As imaxes deveñen en amálgama de recordos que alumean coma un facho para guiarmos a través dunha realidade que nos pode resultar allea, pero que non dista tanto da nosa.

Para máis información pasade pola páxina da editorial Fotoxoguete.

Andei estes días revisando o meu arquivo fotográfico na procura de inspiración. Non sempre funciona, pero desta volta dei cunha imaxe que me fixo recordar que aínda teño unha débeda pendente coa cidade amurallada.

Haberá que saldala…

Tarde de sábado. Sentado no sofá apuro as últimas páxinas de (Retro)visor, o último poemario de Antía Otero. Poesía en movemento para facer unha viaxe intimista na procura da identidade que ás veces queda agochada nas rutinas cotiáns.

Avanzo despacio, saboreando as palabras, deténdome nas fendas que me levan a outras lecturas, a outras imaxes. Pecho os ollos, pérdome na escuridade e inicio a miña propia viaxe interior.

E de súpeto estou no coche, devorando quilómetros mentres a choiva bate contra o parabrisas e o mundo semella diluírse. Acendo a radio e os acordes da guitarra de Ry Cooder inundan o aire cunha tristura infinita. Penso no que deixo atrás, pero busco coa mirada a liña do horizonte para tratar de atopar unha referencia que me permita non perder o norte, ese norte que ás veces é sur e outras un inmenso burato negro que ameaza con engulir o presente.

A estrada é unha sucesión de liñas que marcan o compás. Cada pouco tempo aparece un cartel que suxire novos camiños, pero eu aborrezo os desvíos porque o único que conseguen é que me disperse, e a dispersión é a miña peor inimiga. Acaba por sumirme na desesperación.

Os faros do coche que vén a toda velocidade polo outro carril son coma un recordatorio da miña propia fraxilidade. Outra vez ese arrepío subindo polas costas, unha descarga no espiñazo que me devolve á realidade.

Abro os ollos e recordo que estaba a ler o libro que agora está no chan, agardando a que o recolla. É curioso comprobar como se vai pechando o círculo, e a lectura deste libro me leva a ver de novo a película París-Texas, de Win Wenders, e logo dou un salto para instalarme nas crónicas de motel de Sam Shepard antes de recaer outra vez en Kerouac e o seu camiño.

E de novo esa sensación. Fragmentos soltos que deixan intuír unha conexión que non acerto a comprender antes de que fuxan cara a escuridade e me deixen unha vez máis no punto de partida…

Ry Cooder / París-Texas

Hai lugares que teñen un magnetismo especial. Tiran por nós e conseguen que nos deteñamos diante deles unha e outra vez para fotografalos. Non sabes os motivos, pero alí estás, cámara en man, disposto a rexistralos novamente ata dar co punto exacto de equilibrio.

Supoño que esas imaxes son coma palabras soltas dunha conversa escoitada por azar, mentres paseas polas rúas de calquera cidade.

Fragmentos, simplemente fragmentos.

Pero sabes que tes que gardalos, porque chegará o día no que acertes a comprender o seu verdadeiro significado. Entrementres, quedan suspendidos no aire para aqueles que saiban escoitar…

The road – Nick Cave & Warren Ellis

LA + BELLA 4L

Entrei para botarlle unha ollada ás novidades en banda deseñada, pero coma ocorre sempre nestes casos, acabei unha vez máis diante do caixón das rarezas. E desta volta atopei un exemplar da revista LA + BELLA adicado por completo ao Renault 4L alá polo ano 1997.

Os editores (Diego Ortiz e Pepe Murciego) definen LA + BELLA coma “un proxecto de reflexión, acción e experimentación no mundo da edición do arte contemporáneo, que impulsa e realiza proxectos artísticos especificamente pensados para ser editados por canles e métodos alternativos ao mundo editorial convencional”.

 Este proxecto articúlase en torno a tres vías diferentes: a edición da revista experimental La + BELLA, da que hoxe vos mostro o seu cuarto número, a instalación de máquinas expendedoras de produtos editoriais e artísticos, coma a BELLAMATIC, e a realización de talleres, presentacións e charlas sobre o mundo editorial.

Para obter máis información do que están a facer, pasade pola páxina LA + BELLA.

Talleres fotográficos no Cabo de Gata

Este mércores, 10 de marzo, ábrese o prazo de inscrición para poder participar nos talleres fotográficos que coordina o fotógrafo Óscar Molina no Cabo de Gata, en Almería. Este ano, os convidados a impartir os citados talleres serán os fotógrafos Matías Costa e Valentín Vallhonrat.

Nos seguintes enlaces podedes atopar máis información acerca dos mesmos.

Cuaderno de campo. Matías Costa.
Do 18 ao 24 de xullo de 2010.

Estrategias de la ilusión. Valentín Vallhonrat.
Do 25 ao 31 de xullo de 2010.