Ten algo a neve que me fai regresar á infancia. Recordo a ilusión que me facía observar os campos nevados dende a ventá do meu cuarto.

Despois viñan as présas; almorzar rápido, buscar a roupa de abrigo, as luvas, o gorro, a bufanda, as botas e todo o que fose necesario para poder saír fóra e xogar coa neve. Facer os bonecos, andar ás balocadas ou axitar as pólas para liberalas do seu peso e ver como saían disparadas coma catapultas, eran parte da diversión ata que o frío invadía o meu corpo e deixaba de sentir os pés e as mans. Era entón cando regresaba a casa para situarme a carón da vella cociña de leña e tratar de recuperar o sentido nos meus dedos.

E logo só quedaba achegarse á ventá para seguir coa mirada o lento descenso das folerpas que se ían pousando unha tras outra sobre o inmenso manto branco, mentres cruzaba os dedos para que non saíse o sol e desfixese o que para min sempre foi a promesa dun día diferente.