Fundada en 1926 polos poetas Emilio Prados e Manuel Altolaguirre, a revista Litoral naceu coa vocación de ser unha revista literaria de vangarda nunha época de grandes convulsións sociais, políticas e culturais.
Xa dende os primeiros números comezaron as colaboracións dos poetas que hoxe son recordados como a Xeneración do 27, un dos grupos poéticos máis importantes dentro da literatura española. Pero como adoita suceder con este tipo de proxectos, a publicación pasou por diferentes etapas marcadas pola incomprensión cando a revista apostou polo surrealismo, o exilio forzoso durante a guerra civil, a reaparición no ano 1968 ou o apoio prestado por Pablo Picasso un ano máis tarde.
Coa aparición do último número, a revista salda a que consideraba unha débeda pendente coa fotografía “polos ecos que comparte coa poesía, as fronteiras difusas entre ambas linguaxes: a creatividade da metáfora, a síntese expresiva, a elipse, a concisión, a importancia do silencio, a búsqueda do eu no outro – e noutros -, tan característica dos poetas modernos”.
Ao longo das súas páxinas establecen un diálogo entre texto e imaxe coa aportación de diversos especialistas na materia, analizando a relación que tivo a fotografía coa literatura, a pintura e o cine, e a influencia que exerceu sobre os surrealistas ou sobre as xeneracións literarias do 27 e do 98. Así mesmo, poderemos atopar unha escolma de poemas e fotografías realizados a partir dos anos 50.
Podedes botarlle unha ollada a unha selección do contido deste número pinchando neste enlace.