María ten sete anos. Un día quixo acompañarme nun dos meus paseos polo pobo coa cámara ao lombo. Chamáballe moito a atención aquela cámara na que non podía ver as fotos xusto despois de sacalas. Ninguén lle falara nunca da fotografía analóxica.

María facéndome un retrato coa Holga
María facéndome un retrato coa Holga

Non pasou moito tempo antes de que me preguntase se lle deixaba sacar unha foto. E claro, logo fixo outra, e outra máis, e xa non sei se o pasaba mellor sacando as fotos ou facendo avanzar a película con aquela rodiña. O certo é que naquel carrete hai máis fotos da súa autoría que da miña, así que agardo impaciente os resultados para saber se por fin atopo algo que poida aproveitar.

Tan ben o pasou que ao regresar a casa, antes incluso de contarlle a experiencia aos seus pais, xa me preguntou se podía volver outro día comigo para seguir facendo fotos con aquela cámara. Ao final díxenlle que non. Podía acompañarme, pero non lle ía deixar a miña cámara…

Quedou un pouco decepcionada, pero só mentres non soubo que en realidade ía vir comigo, pero levando a súa propia cámara. Non sabedes ben como lamento non ter unha foto da cara que puxo ao enterarse de que lle ía regalar unha desas cámaras dun único uso.

O día acordado decidimos dar unha volta a carón do río e deixar que o azar guiase os nosos pasos. Ese día case non fixen fotos, xa que estiven máis pendente de observar a maneira de fotografar de María. Resultoume moi curioso comprobar como cambiaba a distancia para fotografar en función do que tiña diante, e como decidía o que era importante para ela e o que non.

Foron un par de horas moi interesantes, xusto o tempo que tardou en perder algo de interese e dedicarse a cousas a priori máis acaídas para unha nena do seu tempo, como coller pedras do río para levalas para casa, apostar a que chegaba antes ca min a calquera cousa que lle servise de referencia e estivese minimamente afastada de nós, ou poder coller de novo a súa bici para dar unhas voltas con ela antes de comer.

Estas son algunhas das fotos que María fixo aquela mañá…

o río Torto
o río Torto
un veciño co que paramos a falar
un veciño co que paramos a falar
o seu cabalo bayo
o seu cabalo bayo