Sempre me resultou sorprendente o modus operandi da nosa memoria. Basta unha palabra, unha fotografía, un aroma ou as notas dunha canción para desencadear no noso cerebro un torrente de imaxes que creíamos sepultadas para sempre nun lugar ignoto ou inaccesible. Pero o caso é que esas imaxes volven a nós, fanse nítidas até o punto de parecer escenas saídas do noso presente máis inmediato, malia que o visto neses momentos acontecese moitos anos atrás.

Cada certo tempo achégome ata a casa dos meus avós para fotografala. Deambulo polos diferentes cuartos na procura de algo que me leve a aqueles anos nos que aínda estaban con nós ou que me permita atopar o camiño de acceso a esas gabetas da memoria onde gardamos o que máis nos importa. Non sempre funciona, pero de cando en vez consigo traer ao presente cousas que me axudan a comprender mellor quen son e de onde veño.

Desta volta reparei nunhas caixas onde os meus avós gardaban as fotos dos seus seres queridos. Para alguén a quen lle gusta traballar con imaxes sempre é un pracer poder comprobar cales eran as cousas que lles importaban aos seus, así que decidín examinalas coa maior atención posible.

Apareceron moitas persoas coñecidas; algunhas xa non nos acompañan, outras si. Dos que aínda viven atopei cousas que xa tiña esquecidas e que axudan a recolocalos no presente, pero o que me fascinou foi atopar imaxes de lugares descoñecidos, de xente que sorrí dende un pasado oculto para min e do que non sei apenas nada. E foron estas fotos precisamente, as que fixeron xurdir as preguntas…

sp-re-120

Quen son estas persoas e onde vivían?
Que relación tiñan coa nosa familia?
Por que decidiron enviar uns retratos de estudio cunha dedicatoria na parte posterior?
Cando rompeu o fío que os mantiña unidos á nosa historia?

sp-par-120

Quen fixo as fotos desta parella?
Que vínculo tiña cos fotografados?
Posaban para el porque estaban celebrando algo ou simplemente eran os seus amigos?
Son os mesmos nas dúas imaxes ou só se parecen?

sp-des-120

Quen é esa muller que aparece diante do que semella ser un edificio público?
Estaba alí no momento no que se fixo a fotografía ou é alguén relevante para os propósitos de quen a fixo?
E quen é ese home que dispara a súa escopeta? Un cazador? Un soldado?
Que estaban facendo nese lugar que nos mostra a fotografía velada polo paso do tempo?

Demasiadas preguntas sen resposta…

Se cadra estas imaxes resultan ambiguas ao non poder contextualizalas axeitadamente, o que me leva a pensar que algún día, cando eu xa non estea, quizais alguén poida atopar nalgún lugar calquera das fotos que eu fixen, ou vaia facer, e achegarse a elas coa mesma incomprensión coa que hoxe observo eu estas imaxes que vos mostro.

Por que fotografar entón cando o propio tempo se vai encargar de que as nosas imaxes perdan o sentido que lles pretendemos dar? Como as interpretarán as vindeiras xeracións? Que diálogo establecerán con elas?

Coma case sempre, para achegarnos a unha posible resposta a estas e outras cuestións, teremos que dirixir a nosa mirada cara o pasado, pois como ben sabemos todos, o futuro é incerto, ou se así o preferides, imprevisible. Con todo, non deixedes de facer fotos, aínda que só sexa para estimular a imaxinación daqueles que virán…