CHM-BC

Sucede ás veces. Levamos tanto tempo camiñando que chega un momento no que descoñecemos se o movemento provén dun impulso consciente ou se simplemente é froito da inercia. Cando isto ocorre, o mellor é deterse, coller aire e reflexionar sobre o que estamos a facer, aínda que só sexa para non perder a perspectiva.

O camiño que nos vai levar á consecución dos nosos obxectivos raramente se poderá representar cunha liña recta. O que adoita acontecer é que temos que sortear numerosas dificultades se queremos chegar ao noso destino. Coido que nestes casos é importante permanecer atentos ás diferentes alternativas que probablemente xurdirán ao longo do tempo.

Por iso estou convencido de que hai que perderlle o medo aos períodos de inactividade. Que non esteamos “producindo” algo novo non significa necesariamente que esteamos abandonando os nosos proxectos. A actitude contemplativa, cando chega acompañada de lecturas e/ou reflexións, pode servir para comprender mellor en que estamos fallando, permitíndonos así facer as modificacións oportunas para retomar a senda inicial.

Neste contexto de suposta paralización chegou ás miñas mans o libro La baba del caracol, de Chantal Maillard, no que esta poeta e ensaísta reflexiona sobre o que significa crear, sobre a función social da arte ou sobre o que podemos agardar dos poemas. Mesturando poesía, filosofía e pensamento, a autora fai cinco achegamentos ao que damos en chamar “acto creativo”. Un libro moi interesante que valeu ademais para que puidese recoñecer nos seus textos a persoas amigas que transitan acotío por este tipo de experiencias.

Podedes atopar máis información na páxina de Vaso Roto Ediciones.