Rafael Argullol - Mi Gaudí espectral

Para min, entrar nunha libraría vai camiño de converterse nunha permanente aventura. Normalmente levo unha idea nidia do que quero comprar, pero por unhas cousas ou por outras, ao final xa non sei se son eu o que escollo os libros ou se son eles os que me escollen a min. E así é moi difícil…

Estaba hai uns días buscando un par de libros na sección de poesía cando de súpeto percibín de esguello que algo se movía no andel que quedaba á miña esquerda. Xirei a cabeza pero non vin nada, así que pensei que fora unha sorte de alucinación, pero tan pronto me puxen de novo a remover libros volvín notar aquel movemento. Foi entón cando reparei nunhas mans que asomaban fugazmente entre un par de libros do estante que nesa libraría utilizan coma caixón de xastre.

Non pode ser – pensei. Outra vez coa mesma leria!

Pero chegado a este punto, non me quedou outra que deixar o que tiña entre mans e ir na procura daquel pequeno libro que me chamaba coa máxima discreción que lle era posible.

Non fixo falta moito tempo para decidir que aquel libro viría comigo para a miña casa. O autor, Rafael Argullol, era un vello coñecido que xa me achegou no pasado lecturas moi interesantes, e agora estaba disposto a engancharme de novo coa última entrega do que el denomina “escritura transversal”.

Aproveitando que dende neno ten a sorte de atoparse co espectro de Gaudí e manter animadas conversas con el, o autor pasea pola cidade de Barcelona, e mentres visita as obras feitas en vida polo denominado “Arquitecto de Dios”, divaga sobre a creación artística, sobre as luces e sombras do traballo desenvolvido por Gaudí ou sobre a soidade e a loita permanente que esixe a busca da beleza.

Si, xa sei que soa un pouco raro, pero pódovos asegurar que é un libro que paga a pena!

Se queredes máis información deixádevos caer pola páxina da editorial Acantilado.