Dúbida onírica

Deitarme. Pechar os ollos. Durmir. Soñar…

Descúbrome viaxando ao pasado e aprendendo a relacionarme coa xente coa que me atopo. Sei con quen podo falar e con quen non. Paso a carón de persoas que me coñecerán no futuro, pero non me recoñecen nese instante. Algún día coincidiremos – penso.

.

Véxome tratando de recompoñer un crebacabezas con dificultade. Se cadra aínda non teño as pezas necesarias.

.

Unha muller fai axeonllarse a un cabalo branco.

.

De súpeto, unha pregunta…

Home de calor ou home de luz?

Hai poucos días tiven un soño moi curioso. Atopábame rodeado de cabalos salvaxes e trataba de dominalos. Conseguín atrapar a un deles coa miña corda, pero decidín soltalo cando me pediu que o deixase en liberdade. Foi entón cando apareceu un enorme cabalo branco galopando ás miñas costas, e pensei:

Este tampouco é para min. Eu busco ao gran cabalo negro…

Se cadra iso é a miña fotografía.