Inaugúrase hoxe en Lugo, na Fundación Caixa Galicia, a exposición Unha mirada de antano.

Entre 1924 e 1926, a fotógrafa e etnógrafa Ruth Matilda Anderson percorreu a nosa xeografía para preparar un traballo encargado pola Hispanic Society of America. Obtivo máis de 5000 fotografías que acompañou cunha ampla documentación, obtendo así un extenso arquivo fotográfico dos nosos costumes a principios do pasado século.

Esta exposición supón unha boa oportunidade para comprobar cal era a visión que tiñan de nós dende fóra, e ao mesmo tempo, lembrar aspectos do noso pasado máis recente que sempre axudarán a interpretar mellor o noso presente, pois un pobo que non sabe de onde vén non dispón das ferramentas necesarias para afrontar o seu futuro.

A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 13 de setembro. Para máis información podedes visitar a páxina da Fundación Caixagalicia.