O outro día, revisando as vellas fotos da familia, acordeime de Virxilio Vieitez, un caso atípico na historia da fotografía. Este pontevedrés, nado en Soutelo de Montes, foi un de tantos fotógrafos que percorrían as comarcas coas súas cámaras para facer as fotos que lles encargaban. Lonxe de calquera pretensión artística, limitouse a fotografar diversos acontecementos ou a facer retratos que en moitos casos servirían coma nexo de unión entre os membros das familias fragmentadas pola emigración.

A forza das súas fotografías radica na singular posta en escena e na forza das miradas das persoas fotografadas. A repetición de diversos elementos como os haigas (os coches que traían os emigrantes cando retornaban ás súas aldeas) ou as motos, a ubicación das persoas na estrada ou no medio da horta, ou a inclusión de certos obxectos que atraen poderosamente a nosa atención por descoñecer os motivos polos que aparecen, acábanlle outorgando ao conxunto das fotografías unha unicidade de estilo que fai que o seu traballo sexa tremendamente singular.

Se na entrada anterior falaba da posibilidade de observar a nosa realidade dende unha perspectiva allea a nós, achegarnos á obra de Virxilio Vieitez supón situarnos no polo oposto para observar o mesmo con outros ollos, os de quen coñece de primeira man o mundo que se reflicte nas súas fotos.