Talleres fotográficos no Cabo de Gata

Este mércores, 10 de marzo, ábrese o prazo de inscrición para poder participar nos talleres fotográficos que coordina o fotógrafo Óscar Molina no Cabo de Gata, en Almería. Este ano, os convidados a impartir os citados talleres serán os fotógrafos Matías Costa e Valentín Vallhonrat.

Nos seguintes enlaces podedes atopar máis información acerca dos mesmos.

Cuaderno de campo. Matías Costa.
Do 18 ao 24 de xullo de 2010.

Estrategias de la ilusión. Valentín Vallhonrat.
Do 25 ao 31 de xullo de 2010.

PROXECTA 09

Se pasades mañá polo concello de Vilagarcía de Arousa teredes a posibilidade de disfrutar coas actividades previstas para o festival PROXECTA 09.

Logo do éxito da anterior edición, a organización repite convocatoria para tratar de consolidarse no tempo e ocupar un espazo na axenda cultural desta época do ano.

Ás 20:30 h. terá lugar no Auditorio deste concello a inauguración da exposición Our World Now 2, no que poderedes ver unha selección de imaxes dos fotógrafos da Axencia Reuters referidas ás noticias acaecidas durante o ano 2008.

E un pouco máis tarde, ás 22:30 h., comezará na Alameda a proxección nunha pantalla xigante dos traballos dos fotógrafos convidados para esta edición, que son os seguintes:

Art in Nature, de Miguel Lasa.
Forced Identity, de Pep Bonet.
Compostela, un ano de Voz, de Xoan A. Soler, Álvaro Ballesteros, Sandra Alonso e Paco Rodríguez.
Peering, da axencia de noticias Agence France-Presse.
Camboya, de Carlos Rubio.
Bodas gitanas, de Mónica Vila.
In Memorian, de Gimena Berenguer.
A derradeira matanza, de Miguel Muñiz.
Agora non podemos parar, de José Luiz Oubiña.
Miedo en los Grandes Lagos, de José Cendón.
Aus Schmalegg, de Luis Barreiro.
Individual, de Ramón Vaquero.

O proxecto imposible

.

Polaroid. Unha palabra que a moitos lles vai traer recordos doutros tempos. Toda unha revolución no mundo da fotografía. A posibilidade de facer unha foto, obtela ao instante e ver o cambio experimentado no papel. Unha pequena versión da maxia do cuarto de revelado.

Dende o ano 2007 xa non se fabrican as cámaras instantáneas, e cando un ano máis tarde a compañía anunciou a paralización da produción de película, moitos foron os que se lanzaron á procura de recambios para poder seguir disfrutando dunhas fotos diferentes. Porque no fondo non importa tanto a calidade das mesmas como as posibilidades creativas que concede esta modalidade fotográfica. Se queredes ver unha pequena mostra do que se pode chegar a facer con estas cámaras, abonda con deixarse caer pola páxina Polanoir.

Por iso, cando nos atopamos con iniciativas como a denominada The impossible project, os amantes da fotografía non podemos facer outra cousa que alegrarnos e desexarlles moita sorte diante do gran reto que se lles presenta: reinventar a película instantánea a partir de compoñentes renovados para poder lanzar ao mercado un produto que satisfaga as necesidades dos usuarios das cámaras Polaroid.

O tempo dirá se o proxecto imposible acaba sendo unha realidade.

Virxilio Vieitez

O outro día, revisando as vellas fotos da familia, acordeime de Virxilio Vieitez, un caso atípico na historia da fotografía. Este pontevedrés, nado en Soutelo de Montes, foi un de tantos fotógrafos que percorrían as comarcas coas súas cámaras para facer as fotos que lles encargaban. Lonxe de calquera pretensión artística, limitouse a fotografar diversos acontecementos ou a facer retratos que en moitos casos servirían coma nexo de unión entre os membros das familias fragmentadas pola emigración.

A forza das súas fotografías radica na singular posta en escena e na forza das miradas das persoas fotografadas. A repetición de diversos elementos como os haigas (os coches que traían os emigrantes cando retornaban ás súas aldeas) ou as motos, a ubicación das persoas na estrada ou no medio da horta, ou a inclusión de certos obxectos que atraen poderosamente a nosa atención por descoñecer os motivos polos que aparecen, acábanlle outorgando ao conxunto das fotografías unha unicidade de estilo que fai que o seu traballo sexa tremendamente singular.

Se na entrada anterior falaba da posibilidade de observar a nosa realidade dende unha perspectiva allea a nós, achegarnos á obra de Virxilio Vieitez supón situarnos no polo oposto para observar o mesmo con outros ollos, os de quen coñece de primeira man o mundo que se reflicte nas súas fotos.