Polaroid. Unha palabra que a moitos lles vai traer recordos doutros tempos. Toda unha revolución no mundo da fotografía. A posibilidade de facer unha foto, obtela ao instante e ver o cambio experimentado no papel. Unha pequena versión da maxia do cuarto de revelado.
Dende o ano 2007 xa non se fabrican as cámaras instantáneas, e cando un ano máis tarde a compañía anunciou a paralización da produción de película, moitos foron os que se lanzaron á procura de recambios para poder seguir disfrutando dunhas fotos diferentes. Porque no fondo non importa tanto a calidade das mesmas como as posibilidades creativas que concede esta modalidade fotográfica. Se queredes ver unha pequena mostra do que se pode chegar a facer con estas cámaras, abonda con deixarse caer pola páxina Polanoir.
Por iso, cando nos atopamos con iniciativas como a denominada The impossible project, os amantes da fotografía non podemos facer outra cousa que alegrarnos e desexarlles moita sorte diante do gran reto que se lles presenta: reinventar a película instantánea a partir de compoñentes renovados para poder lanzar ao mercado un produto que satisfaga as necesidades dos usuarios das cámaras Polaroid.
O tempo dirá se o proxecto imposible acaba sendo unha realidade.