Coñecín a Carlos Puga hai un par de anos, cando acudín ao taller fotográfico que organizaba nas montañas do Courel. Dende aquela déixome caer pola súa casa de cando en vez para retomar as conversas e tomar prestados algúns libros da súa biblioteca. Sempre di que non hai que ter présa, que as cousas chegan cando teñen que chegar, e que o único que importa é ter constancia no traballo para poder avanzar paseniñamente.
A última vez que estiven alí quedei un anaco observando as vellas diapositivas que se amoreaban nos andeis do seu estudio. Descoñezo se foron utilizadas para algún traballo ou se pola contra nunca saíron á luz, pero pódovos asegurar que alí estaban os froitos de media vida observando o mundo a través do visor da súa cámara. Daquela comprendín o verdadeiro significado da palabra perseveranza…