Nos tempos que corren, onde o exceso de información acaba implicando ás veces unha maior desinformación, cómpre atopar un espazo para a reflexión.
As noticias que lemos a cotío nos xornais e as imaxes que as acompañan acaban sendo a maior parte das veces un obxecto de consumo rápido que apenas permanece na nosa memoria. Se cadra hai casos nos que non é tan relevante a ausencia de análise, pero cando do que estamos a falar é dos diversos conflictos bélicos que permanecen abertos en todo o mundo ou das desigualdades existentes entre a xente en función da súa procedencia, a cousa adquire unha maior transcendencia.
Neste libro que vos recomendo, a pensadora Susan Sontag (1933-2004) fai unha análise sobre a representación visual da guerra e da violencia. Tomando coma punto de partida a serie de gravados de Goya denominada Desastres de la guerra e as fotografías publicadas nos medios de comunicación de diferentes guerras sucedidas en todo o planeta, a autora fai fincapé no modo en que nos afectan (ou non) esas imaxes e a capacidade de resposta que poden xerar.
Poderemos estar en acordo ou desacordo coas súas teses, pero sempre resultará interesante botarlle unha ollada ao libro e reflexionar sobre este tema.