Escoitei falar deste libro hai xa un par de anos, mentres asistía a un taller fotográfico. Quedou anotado, coma tantos outros, na lista de lecturas pendentes, esa que non deixa de medrar e ás veces semella inabarcable. Hai un par de meses atopei un exemplar na libraría mentres buscaba outras cousas, e decidín mercalo para lelo durante as miñas vacacións. O certo é que non puiden agardar tanto, e logo de lelo non se me ocorre mellor cousa que recomendalo.

Unha viaxe en moto co seu fillo é o punto de partida que escolle Robert M. Pirsig para explorar a nosa herdanza filosófica e tratar de tender pontes entre a visión occidental do mundo e a oriental. O autor aposta por unha vía intermedia na que poidamos liberarnos dos nosos prexuízos e tratemos de comprender o mundo dende unha perspectiva diferente.

Para obter máis información sobre este libro podedes visitar a páxina da editorial Sexto Piso

“Queres saber como pintar un cadro perfecto? É doado. Faite perfecto ti mesmo e logo pinta con naturalidade. Así é como o fan os expertos. Pintar un cadro ou reparar unha motocicleta non é algo illado do resto da túa existencia.”