Estiven toda a tarde fotografando nun pobo abandonado situado a uns douscentos metros deste lugar. Levaba unha idea precisa do que necesitaba para o meu traballo, pero non dei atopado a maneira de plasmala en imaxes.
Coma sempre ocorre nestes casos, o desánimo comezou a apoderarse de min. Se cadra non estaba enfocando ben o tema, así que decidín deixalo para outro día. Non sempre ten un a cabeza para fotografar.
Regresei ao coche, deixei a mochila no asento do acompañante, arranquei o motor e dispúxenme a emprender o camiño de volta.
Foi entón cando as vin. Subían polo prado cara o cume da lomba que os máis vellos do lugar denominan o castelo, onde en tempos houbo un poboado celtibérico do que xa non queda rastro ningún. Coma se os antigos habitantes do pobo decidisen atopar acougo nas entrañas daquel primitivo asentamento…
Así as cousas, non me quedou outra que coller de novo a cámara. Tres fotos abondaron, malia que coa primeira sería suficiente. As outras dúas foron feitas por inseguridade ou medo a non saber captar eso que ás veces nos atrapa de maneira inexplicable.
Non sei se algún día esta foto vai funcionar ou non nese traballo no que ando metido, pero teño a sensación de que, se aquel día eu estaba alí, só foi para poder facela. O resto foi tempo que pasa…