Principiei o ano dunha maneira un tanto estraña, cunha rara sensación de parálise fotográfica.

Outra vez! – pensei.

Naquel tempo só captaba imaxes co meu móbil das cousas máis diversas, de maneira aleatoria e sen ningunha idea preestablecida. Podería dicir que esquecín calquera asomo de intención. Así as cousas, interpretei esta actitude coma unha sorte de desconexión mental logo de moitas horas investidas nesto da fotografía. Deixeime levar unha vez máis…

E funcionou!

Cando parei para revisar o que tiña feito ata ese momento, atopeime con que tiña gardadas no ordenador preto de doce mil fotos sacadas ao longo de seis meses. A isto non lle chamo eu parálise! Abofé!

Supoño que ás veces é preciso deixar de pensar e simplemente dedicarse a facer fotos.