Compartir tempo con José Manuel Navia sempre é sinónimo de volver coas forzas renovadas e disposto a continuar un camiño emprendido hai xa varios anos.

Desta volta debo agradecerlle esta posibilidade a Alberto Paredes, que dende o ano 2012 vén organizando en Arnedillo uns talleres fotográficos polos que xa pasaron fotógrafos como Cristina García Rodero, César Lucas, Samuel Aranda e o propio José Manuel Navia.

A proposta era sinxela pero imprescindible: debater durante unha fin de semana sobre a relación que ten a fotografía co territorio e coa memoria dos seus habitantes. Mostrounos tamén como enriquecer os nosos traballos ao abordalos dende outras perspectivas, non sempre presentes á hora de concibilos, botando man da literatura, a filosofía ou a antropoloxía.

Para isto, ademais de analizar Nóstos, o seu último traballo recentemente publicado por Ediciones Anómalas, aproveitamos a tarde do sábado para achegarnos a Sarnago e compartir tempo e lecturas cos veciños deste pequeno pobo situado na soriana serra da Alcarama, nunha zona que recibe o nome de Tierras Altas.

As palabras sacadas dos libros de autores como Julio Llamazares, Abel Hernández ou Fermín Herrero demostraron unha vez máis que os lugares e as persoas non desaparecen mentres haxa alguén disposto a recordalos…