móbil_foto_crea

É innegable que os últimos avances experimentados pola telefonía móbil, no referido á calidade das cámaras incorporadas aos xa chamados teléfonos intelixentes, supón a apertura de novos campos de experimentación para a creación visual. A omnipresenza no noso día a día, a conectividade que proporcionan ou a discreción que permiten á hora de fotografar ou gravar imaxes son razóns máis que evidentes para comprender por que tantos fotógrafos deciden incorporar estas ferramentas ás súas dinámicas de traballo.

Froito desta reflexión, Carlos Puga e Xaquín Rosales, membros do colectivo Lo más mínimo, decidiron abrir unha convocatoria para que todos aqueles fotógrafos que estabamos utilizando os nosos teléfonos móbiles como medio para avanzar na nosa obra persoal, presentásemos as nosas propostas de traballo co gallo de organizar unha exposición, o máis ampla e plural posible, onde poder mostrar cales son os diferentes camiños emprendidos por todos nós.

O resultado final dese longo proceso que comezou hai cousa dun ano, poderá verse dende o 8 de novembro ata o 7 de decembro no Pazo Torrado, en Cambados, dentro da programación oficial do Outono Fotográfico deste ano 2013. A inauguración está prevista para o vindeiro venres ás oito da tarde.

Alí vos agardamos…