Category: Caderno de bitácora
…
Achegueime ata León para pasar unha fin de semana tranquila.
A choiva, como non, tamén fixo acto de presenza, pero hai xa tempo que aprendín a desfrutar con ela. O que antes podía ser unha molestia, estase a converter nun aliado inesperado.
Hai cidades que están feitas para ser percorridas a pé, sen présas, deixando que sexa o propio trazado das rúas o que se encargue de mostrarnos o seu encanto.
Entre viños e tapas saquei tempo para perderme polas pequenas prazas que se abren de cando en vez polo Barrio Húmedo, achegueime ata a catedral e pasei a carón do que queda da muralla de León. Se cadra foi entón cando comprobei que cando viaxamos seguimos mantendo un estreito vínculo co noso lugar de orixe. Foi inevitable acordarme da muralla de Lugo e do pouco que a valoran ás veces.
E por suposto, aproveitei tamén para facer a obrigada visita ao MUSAC e botarlle unha ollada ás exposicións que estaban programadas nese momento.
Se vos achegades por alí antes do vindeiro 5 de xuño poderedes ver a exposición Desaparecidos, de Gervasio Sánchez, que conta coa peculiaridade de ser programada de forma simultánea polo MUSAC, polo Centre de Cultura Contemporània de Barcelona e por La Casa Encendida de Madrid.
Este proxecto de fotografía documental está centrado no tema das desaparicións forzosas que tiveron lugar en diversos países de América Latina, Asia e Europa.
Non deixedes de ver tampouco a exposición El molesto asunto, do artista libanés Akram Zaatari, que mediante o uso da fotografía e o vídeo, indaga na relación entre o corpo e o seu significado na sociedade libanesa e no mundo árabe.
…
Ano 3050
Estación espacial RTT1601
Unidade de Análise e Interpretación das Antigas Civilizacións (UNAI-AC)
Imaxe captada polo equipo de investigación no planeta Terra
…
Decides dar un paseo coa cámara e déixaste levar. Camiñas, observas o entorno, paras. Retomas o camiño, volves parar e recúas uns metros. Moves a cabeza porque non acabas de velo claro e segues camiñando. A frustración comeza a apoderarse dos teus pensamentos. “Se cadra esto non é o meu” é a frase que machaca o teu cerebro. E entón deixas de observar o que tes diante dos ollos e redúcelo todo a un simple xogo de liñas, cores ou volumes. Só así consigo ás veces ter o punto de lucidez necesario para non caer no desánimo e seguir axexando a realidade na procura desa imaxe que se agocha no lugar máis inesperado.
Ninguén dixo que ser fotógrafo fose doado…
…
Ás veces cómpre tomar un pouco de distancia para poder achegarnos con máis claridade ao que nos rodea…












