Castelo de area

A aparición dun cadáver nunha praia é o punto de partida dunha historia surrealista na que os personaxes terán que enfrontarse a unha realidade tan inquietante coma perversa.

O que nun principio foi concibido coma unha película, acabou sendo un cómic asinado polo suízo Frederik Peeters, un dos máis representativos autores da nova historieta europea. O guión corre a cargo do cineasta francés Pierre Oscar Lévy, que arestora está a traballar na adaptación cinematográfica do cómic Píldoras azuis.

Para máis información podedes botarlle unha ollada á nota de prensa que publicou a editorial Astiberri.

A modo de anécdota hai que comentar que o escenario escollido para ambientar a historia ben puidera ser a asturiana praia de Gulpiyuri, que conta coa peculiaridade de estar situada a cen metros da liña de costa e ser unha praia pechada ao mar que queda comunicada con el a través dunha cova na roca caliza.

Estaba paseando polo casco vello daquela cidade cando comezou a chover. Púxenme ao abeiro dun portal e quedei un anaco observando á xente que apuraba o paso para non mollarse demasiado. Foi entón cando entraron correndo na praza. Non dubidei. Corrín cara eles para facer a foto. Logo fixen dúas ou tres máis, pero ningunha coa forza da primeira. Supoño que fotografar é deixarse levar por impulsos, non pensar moito no que estás facendo para non estragar a maxia do momento.

Hai poucos días tiven un soño moi curioso. Atopábame rodeado de cabalos salvaxes e trataba de dominalos. Conseguín atrapar a un deles coa miña corda, pero decidín soltalo cando me pediu que o deixase en liberdade. Foi entón cando apareceu un enorme cabalo branco galopando ás miñas costas, e pensei:

Este tampouco é para min. Eu busco ao gran cabalo negro…

Se cadra iso é a miña fotografía.

A finais do pasado mes de agosto acudín ao Courel para asistir ao taller de edición fotográfica organizado polo colectivo Fotoxoguete e impartido polo fotógrafo José Manuel Navia e o seu equipo de traballo, formado por Carmen e Marta.

Durante seis intensos días estivemos analizando os diferentes mecanismos que nos poden servir no futuro para darlle unha forma definitiva aos nosos traballos, porque no fondo, de pouco serve ir acumulando cada vez máis imaxes se non somos quen de articular un discurso propio con elas.

Por iso foi de gran axuda poder observar o proceso completo do último traballo de Navia, dende que que foi concibida a idea ata o momento no que decidiu cáles van ser as fotos que finalmente darán forma ao libro.

Agora só queda ir asimilando toda a información recibida para poder aplicala ás ideas que pouco a pouco vou desenvolvendo.

Coñecín a Carlos Puga hai un par de anos, cando acudín ao taller fotográfico que organizaba nas montañas do Courel. Dende aquela déixome caer pola súa casa de cando en vez para retomar as conversas e tomar prestados algúns libros da súa biblioteca. Sempre di que non hai que ter présa, que as cousas chegan cando teñen que chegar, e que o único que importa é ter constancia no traballo para poder avanzar paseniñamente.

A última vez que estiven alí quedei un anaco observando as vellas diapositivas que se amoreaban nos andeis do seu estudio. Descoñezo se foron utilizadas para algún traballo ou se pola contra nunca saíron á luz, pero pódovos asegurar que alí estaban os froitos de media vida observando o mundo a través do visor da súa cámara. Daquela comprendín o verdadeiro significado da palabra perseveranza

A cámara de Pandora

Coa chegada da tecnoloxía dixital, moitas foron as interrogantes que se abriron arredor da posible evolución do medio fotográfico. Detestada por uns e adorada por outros, a fotografía dixital non debera ser máis que un cambio nos medios técnicos empregados á hora de captar a realidade que nos rodea, pero o certo é que a súa aparición supuxo un punto de inflexión que obriga a repensar conceptos que antes estaban solidamente asentados.

Por iso é de agradecer a aparición do libro La cámara de Pandora, do fotógrafo Joan Fontcuberta, onde o autor analisa os cambios experimentados pola fotografía coa chegada do entorno dixital e os retos aos que teremos que facer fronte no futuro máis inmediato.

Para obter máis información pasade pola páxina da editorial Gustavo Gili.