
Chegou ás miñas mans estes días o catálogo da exposición que o Círculo de Bellas Artes de Madrid lle dedicou o pasado ano á obra fotográfica de Mireia Sentís.
Resulta difícil encadrar o traballo desta fotógrafa nun estilo predeterminado, pois a propia autora considera que cada idea precisa dunha linguaxe formal específica.
Vendo as súas series fotográficas un ten a sensación de que está diante de capítulos pechados, pero unha visión de conxunto amosa un discurso fotográfico que reflexiona sobre o corpo, o entorno no que vive e a sociedade da que forma parte, cun tono poético non exento de ironía.
Do seu traballo quédome especialmente coas súas últimas series: Castillos de Castilla (2004) e Corners (2008).
Na primeira, a autora, criada en Francia, recoñece a influencia que tivo sobre a idea inicial a expresión francesa “faire des châteaux en Espagne” (facer castelos no aire), feito que acabou condicionando o resultado final. A foto que acompaña este texto pertence a esta serie.
Na serie Corners, última realizada ata o momento, a fotógrafa acompaña as súas imaxes con textos que conseguirán que cambie a nosa percepción sobre o que temos diante dos ollos.