Blog

O meu achegamento á pintura de Edward Hopper (1882-1967) foi froito do azar.

Naqueles tempos era doado atopar na biblioteca do meu pobo exemplares das revistas integradas na Asociación de Editores de Revistas Culturales de España (ARCE). Adoitaba coller tres ou catro revistas en préstamo para botarlles unha ollada durante a semana. Foi así como atopei un artigo dun crítico de arte no que falaba do que lle suxerían os cadros deste pintor norteamericano. Sen eu sabelo, aquel artigo xogaría un papel importante na miña formación estética, pero como daquela estaba máis preocupado por obter cada vez máis información, ao pouco tempo esquecín o nome do pintor.

Anos máis tarde, mentres paseaba pola Feira do Libro de Santiago de Compostela, fun dar a unha caseta especializada en libros de arte. Remexendo nos caixóns atopei un libro que me fixo recordar no momento aquel artigo lido tempo atrás. Busquei entre as súas páxinas ata atopar unha reprodución daquel cadro que quedara gravado na miña memoria, e cando dei con el non puiden facer outra cousa que comprar o libro para coñecer mellor a obra de Hopper.

Se hai algo que destacaría del é a capacidade que tivo para crear o desasosego no espectador. Na meirande parte dos seus cadros faltan as pezas que permitirían ter unha maior comprensión dos mesmos. Mostrounos a xente solitaria en entornos preferentemente urbanos, coa vista perdida nun punto que sempre queda fóra do noso alcance visual. Nunca saberemos cales son os motivos que provocan a tristeza dos seus personaxes. Pero ao mesmo tempo que nos coloca na posición do voyeur, a quen non lle é permitido modificar nada, deixa unha ventá aberta á imaxinación para que cada un poida completar mentalmente os cadros e sacar así as súas propias conclusións sobre o que está vendo.

Cando reviso o meu arquivo fotográfico non me resulta complicado atopar moitas imaxes que tratan de plasmar a mesma sensación de desasosego. Se cadra iso é o pouso que Hopper deixou en min…

C Photo Project

 

Coa publicación do décimo número da revista C International Photo Magazine, a editorial Ivorypress dá por rematado o primeiro ciclo do que deu en chamar o C Photo Project.

Durante os últimos cinco anos, esta editorial foi elaborando o que pretende ser un punto de referencia para todos aqueles que queiran achegarse á fotografía contemporánea. Nas páxinas da súa revista podemos atopar o traballo de artistas amplamente recoñecidos a carón dos que foron desenvolvidos polos que están chamados a ser os novos referentes do panorama actual.

Ao mesmo tempo, a editorial exerceu labores de comisariado de exposicións para institucións públicas e privadas e colaborou cos representantes das máis importantes coleccións fotográficas existentes na actualidade, mostrando así un apoio constante ao desenvolvemento desta disciplina.

No segundo ciclo do C Photo Project, que se desenvolverá no período 2010-2015, a editorial pretende ofrecer unha visión diferente da fotografía que se complemente coa amosada na súa revista, estando prevista a súa presentación ao longo da vindeira primavera.

Para obter máis información podedes visitar a páxina de Ivorypress.

Setembro. Sábado. Nove e cuarto da mañá.

Aínda faltan quince minutos para que chegue C. Prendo un cigarro e observo a un grupo de persoas que consultan os horarios no panel que hai a carón da parada do elevador. A poucos metros deles comeza a cola dos que buscan unha entrada para o teatro. Un pouco máis abaixo vexo xente entrando e saíndo da estación do Rossio. A pesar da presenza humana a cidade aínda permanece silenciosa.

Pero este silencio, é real ou é froito da miña abstracción?

A propia cidade trata de proporcionarme unha resposta. O balbordo comeza a ser evidente, como se alguén xirase a roda do volume do audio para que puidese escoitar o que antes pasaba desapercibido.

Vexo aparecer a C pola boca do metro e fágolle un aceno coa man. Hoxe achegarémonos á parte alta da cidade para dar un paseo polas rúas avellentadas polo paso do tempo. Entramos no elevador e situámonos na parte traseira para deixar sitio para os que aínda queren entrar. Vendo a pasaxe comprendo que este medio de transporte non deixa de ser un refuxio para turistas nostálxicos. A xente aproveita para facer as fotos que logo servirán para contarlles aos amigos que estiveron alí. Algúns despregan os planos sobre os xeonllos para fixar un percorrido. A día de hoxe non hai moita xente que deixe un oco para o azar e a sorpresa.

O maquinista pecha as portas, pon en marcha o elevador e iniciamos o lento ascenso. Cando nos cruzamos coa máquina que descende, saco a cámara da bolsa e aproveito para fotografala. Comprobo que leva menos pasaxeiros; dous mozos e unha señora co carro da compra.

E por algunha estraña razón dei en pensar que, desta volta, collín o tranvía equivocado…

Estética fotográfica. Joan Fontcuberta.

Estética fotográfica - Joan Fontcuberta 300

Ás veces é preciso botar a vista atrás para saber de onde vimos e poder decidir cara onde imos. Neste libro, o fotógrafo Joan Fontcuberta fai unha escolma dos diversos textos teóricos existentes sobre a fotografía para que poidamos facer un achegamento crítico a esta disciplina. Ao longo das súas páxinas poderemos comprobar cales foron as ideas que marcaron as diversas tendencias fotográficas da man dos seus principais protagonistas, os fotógrafos.

Como xa dicía Paul Strand no ano 1923, podemos “utilizar toda a experiencia pasada, non para imitala, senón como medio para clarificar o propio traballo e avanzar nel”.

Para obter máis información podedes pasar pola páxina da editorial Gustavo Gili.

Ten algo a neve que me fai regresar á infancia. Recordo a ilusión que me facía observar os campos nevados dende a ventá do meu cuarto.

Despois viñan as présas; almorzar rápido, buscar a roupa de abrigo, as luvas, o gorro, a bufanda, as botas e todo o que fose necesario para poder saír fóra e xogar coa neve. Facer os bonecos, andar ás balocadas ou axitar as pólas para liberalas do seu peso e ver como saían disparadas coma catapultas, eran parte da diversión ata que o frío invadía o meu corpo e deixaba de sentir os pés e as mans. Era entón cando regresaba a casa para situarme a carón da vella cociña de leña e tratar de recuperar o sentido nos meus dedos.

E logo só quedaba achegarse á ventá para seguir coa mirada o lento descenso das folerpas que se ían pousando unha tras outra sobre o inmenso manto branco, mentres cruzaba os dedos para que non saíse o sol e desfixese o que para min sempre foi a promesa dun día diferente.

Familiar Feelings

Picnic on the Esplanade, Boston, 1973

Se pasades por Santiago de Compostela antes do vindeiro 13 de decembro non deixedes de pasar polo CGAC para visitar a exposición Familiar Feelings. Sobre o grupo de Boston.

Nesta ampla mostra poderedes ver o traballo dunha xeración de fotógrafos que a partir dos anos setenta cambiaron o discurso dominante no medio fotográfico e introduciron os motivos cotiáns como tema recurrente nas súas imaxes. Cun realismo cru retrataron o modo de vida dunha xeración que levou ao límite a herdanza recibida durante os anos sesenta, nunha etapa previa a irrupción do virus do SIDA, cuxas consecuencias son por todos coñecidas.

Na exposición tamén poderedes ver o traballo The Ballad of Sexual Dependency, da fotógrafa Nan Goldin.

Unha boa ocasión para reflexionar sobre os cambios acaecidos nas últimas décadas no ámbito da vida privada.